2/13/2006

 

En galego É DE LEI......!!!!

MEDIDAS ESPECÍFICAS DO PLAN XERAL
PARA A NORMALIZACIÓN DA LINGUA GALEGA
NO ÁMBITO DO ENSINO


1. Deseñar e levar a cabo unha campaña de sensibilización ante o uso do galego, diversificada para os diferentes membros da comunidade educativa e que promova a análise crítica dos prexuízos existentes, tanto sobre a presenza escolar deste idioma coma sobre a lingua galega en xeral.

2. Desenvolver un plan de formación que garanta que todo o persoal escolar de Galicia teña unha competencia oral e escrita suficiente para comunicarse e para desenvolver a súa actividade profesional en galego.

3. Establecer a obrigatoriedade de coñecer a lingua galega para acceder á docencia en Galicia, fixando prazos concretos e razoables para que o profesorado acredite esta competencia.

4. Establecer un plan de formación sociolingüística para todos os docentes implicados nas actividades de normalización lca. e para os sectores encargados da formación, asesoramento e control do profesorado: Inspección Educativa, equipos directivos dos centros e asesores do CEFORE.

5. Incorporar estas temáticas sobre planificación lca. escolar como materia obrigatoria aos plans de estudo da formación inicial do profesorado de E. Infantil, E: Primaria e E. Secundaria.

6. Esixir a todos os centros, sen excepción, o cumprimento da normativa vixente sobre normalización lingüística, adoptando medidas correctoras no caso de incumprimento.

7. Elaborar, por parte dos equipos técnicos da Administración, programas-modelo de planificación lca. escolar que sirvan para orientar este labor nos centros, avaliándoos e revisándoos periodicamente.

8. Modificar o marco normativo dos equipos de normalización lca., axeitándoos ás novas necesidades normalizadoras, dándolles un maior recoñecemento e profesionalización, garantindo que teñan maior capacidade de influencia na vida dos centros e que se dediquen á súa función específica: o deseño, posta en práctica e revisión de programas de planificación lca.

9. Realizar periodicamente (cada catro anos) unha avaliación do estado da galeguización no ensino, con especial atención á competencia nas dúas linguas oficiais ao remate da E. Primaria e da ESO.

10. Distinguir aqueles colexios e institutos que se caractericen polo seu papel normalizador, outorgándolles un especial recoñecemento e converténdoos en referentes ou modelos nese labor.
11. Desenvolver proxectos de recuperación da memoria histórica local, en colaboración con entidades e colectivos locais.

12. Establecer unha oferta educativa en galego en preescolar (0-3 anos9 e na E. Infantil para todos os nenos/as galegofalantes.

13. Fixar , como mínimo, un terzo do horario semanal en galego nestas etapas educativas para os contextos e contornos nos que a lingua predominante sexa o castelán, coa intención de que esta porcentaxe se vaia incrementando progresivamente.

14. Fomentar a adquisición progresiva da lectura e da escritura en galego, na perspectiva de que este se converta no idioma de base da aprendizaxe escolar.

15. Garantir na E. Primaria, que, como mínimo, o alumnado reciba o 50% da súa docencia en galego. ä parte da área de Coñecemento do Medio Natural, Social e Cultural, xa fixada legalmente, fomentarase que se impartan nesta lingua materias troncais en toda a etapa, como as Matemáticas.

16. Garantir, na ESO, que, como mínimo, o alumnado reciba o 50% da súa docencia en galego. Dentro das posibilidades de cada centro, tenderase a que entre as materias que se impartan nese idioma figuren as Matemáticas e a Tecnoloxía, á parte das que xa están legalmente establecidas.

17. Garantir, nos Bacharelatos , que, como mínimo, o alumnado reciba un 50% da súa docencia en galego.

18. Asegurar que a ESO e o Bacharelato para adultos se realice integramente en galego, agás as materias doutras linguas.

19. Garantir que, nos Ciclos Formativos, como mínimo, o alumnado reciba o 50% da súa docencia en galego. Deberase asegurar, ademais, que o alumnado coñeza o vocabulario específico da especialidade en lingua galega.

20. Promover plans de lectura mediante técnicas de animación nas bibliotecas do centro e das aulas, aproveitando o protagonismo social que acadou nas últimas décadas a literatura infantil e xuvenil en lingua galega.

21. Promover desde a Administración educativa a elaboración de materiais para o ensino da lingua desde unha perspectiva comunicativa e priorizando o uso das TIC.

22. Establecer un plan específico destinado á nova poboación inmigrante que se está a asentar en Galicia, que contemple formación lca., coñecementos hcos. e socioculturais.

23. Realizar unha campaña que teña como obxectivo que as familias transmitan o galego aos fillos/as e que a lingua galega se use nas interaccións familiares.

24. Desenvolver unha campaña de sensibilización entre a mocidade sobre a lingua galega, creando un novo discurso lco. no que predominen os seguintes tópicos: a competencia en dúas linguas facilita aprendizaxe de outras novas, o galego constitúe un marcador diferenciado e na Europa plurilingüe, o galego supón un elemento de acceso ao mundo lusófono.

25. Compromiso do Goberno para que os conselleiros e altos cargos da Administración autonómica se comprometan a desenvolver o seu labor e a súa relación con administradores e administrados en galego.

O Plan Xeral para a Normalización da Lingua Galega foi aprobado pola unanimidade dos 55 deputados/as presentes no Parlamento de Galicia o 22 de Setembro de 2004.

EN GALEGO, É DE LEI!
PLAN XERAL DE NORMALIZACIÓN DA LINGUA GALEGA




Obxectivos xerais:

1. Garantir a posibilidade de vivir en galego a quen así o desexe, sabendo que conta co amparo da lei e das institucións.
2. Conseguir para a lingua galega máis funcións sociais e máis espazos de uso, priorizando a súa presenza en sectores estratéxicos.
3. Introducir na sociedade a oferta positiva de atender o cidadán ou o cliente en galego como norma de cortesía dun novo espírito de convivencia lingüística.
4. Promover unha visión afable, moderna e útil da lingua galega que esfarele prexuízos, reforce a súa estima e aumente a súa demanda.
5. Dotar o galego dos recursos lingüísticos e técnicos necesarios que o capaciten para vehicular a vida moderna.


Obxectivos por sectores:
Administración:

1. Asegurar que nas administracións autonómica e local o galego sexa a lingua habitual, respectando o dereito individual a ser atendido na outra lingua oficial.
2. Incrementar o uso da lingua galega na Administración de Xustiza e na Administración periférica do Estado en Galicia, garantindo a atención ao cidadán en galego.

Educación, familia e mocidade

1. Asegurar a galeguización de todos os niveis do sistema educativo, tanto no ámbito docente como no das relacións interpersoais entre os distintos membros da comunidade educativa.
2. Fomentar a transmisión d lingua galega no ámbito familiar.
3. Habilitar dentro da cultura xuvenil espazos de uso para o galego...
4. Fomentar entre a mocidade os valores funcionais, identitarios e diferenciais da lingua galega.

Medios de comunicación e industrias culturais

1. Aumentar a prersenza da lingua galega nos medios de comunicación de masas e na publicidade.
2. Asegurar neste sector un galego de calidade.
3. Promover que os medios públicos ofrezan unha programación prestixiadora da lingua.

Economía

1. Crear conciencia de que o uso do galego pode favorecer as relacións laborais, comerciais e bancarias.
2. Estender o uso da lingua galega nas relacións laborais, comerciais e empresariais.
3. Fomentar nos consumidores o hábito de usaren e reclamaren a atención comercial en galego.

Sanidade

1. Concienciar da necesidade de atender aos pacientes utilizando a lingua na que eles estean instalados.
2. Asegurar que ningún cidadán galego se sinta discriminado por utilizar o galego nas súas relacións coas institucións sanitarias.
3. Potenciar o emprego da lingua galega na área sanitaria.

Sociedade

1. Estimular a galeguización do mundo do deporte e do ocio.
2. Promover unha oferta amplia e diversificada dos produtos lúdicos en galego.
3. Incorporar á poboación inmigrante á lingua propia de Galicia.
4. Asegurar que ningún cidadán galego se sinta discriminado por utilizar o galego no desenvolvemento da súa vida relixiosa.
5. Potenciar o emprego do galego nas áreas relixiosas e de acción social.

Proxección exterior da lingua

1. Apoiar institucionalmente o uso e promoción do galego nas áreas de fóra de Galicia nas que ten uso e pervivencia.
2. Impulsar a proxección da lingua e da literatura galega fóra de Galicia, como manifestación dunha cultura diferenciada e como expresión social do pobo galego.
3. Apoiar a acción cívica dos emigrante e desprazados, dirixida a conservar o uso da lingua e a manter a conexión coa realidade cultural de Galicia.
4. Promover o pleno recoñecemento do carácter plurilingüe do Estado.


Obxectivos específicos da área de Ensino:

1. Garantir que todo o profesorado teña plena compeencia para desenvolver o seu labor docente en galego e os coñecementos necesarios para participar con criterio en tarefas de palanificación lingüística escolar.

2. Alcanzar un uso maioritario do galego na docencia, entre os docentes e nas relacións escolares en xeral.

3. Fomentar o uso progresivo do galego desde a etapa preescolar (0-3 anos), de xeito que se superen as fortísimas carencias que se observan nos primeiros banzos do ensino.

4. Lograr que o ensino obrigatorio garanta unha competencia plena no idioma galego e repercuta de forma efectiva na súa adopción como lingua habitual por parte das novas xeracións.

5. Priorizar no ensino do galego a expresión, a afectividade e a utilidade, reforzando a súa dimensión comunicativa e instrumental e relación con contextos vivos e dándolle un protagonismo central á oralidade.

6. Garantir unha oferta de materiais didácticos de calidade e en soportes diveros que fagan atractivo o proceso de aprendizaxe, que axuden a percibir a utilidade da lingua e que capaciten para o seu uso correcto e eficaz.

Comments: Publicar un comentario



<< Home

This page is powered by Blogger. Isn't yours?