11/28/2005

 

O MILAGRE E O PODER DO LIBRO GALEGO

O libro galego é unha xoia aínda que sae ao mercado contando con ser todo a contra, e aínda así compite contra un rival no mercado que ten todos os medios ideolóxicos e de comunicación: o libro de castelán. O libro galego está feito con constancia, valentía e lealdade. Tamén lle hai que dar mérito aos escritores que escribiron en galego e renunciaron a oportunidades profesionais e monetarias.
Os escritores galegos seguiron escribindo en galego con subuación ou sen ela. Xa se editaron libros en galego durante a monarquía Isabelina; na Iª República; na ditadura de Primo de Rivera; na IIª República; na ditadura franquista, condo se puido. Sempre se escribiu en galego aínda que ás veces fose clandestinamente. E hoxe existan varios miles de lectores que agardan un libro en galego.
Existen case tantos lectores en galego coma en castelán. O libro en galego é un éxito consolidado. Por certo os libros en galego non só se manteñen das lecturas obrigatorias dos institutos senón da lectura voluntaria de miles de lectores galego-anónimos.

 

QueremOs Astérix en GALEGO xaaa!!!!!

Bueno, visto que non hai ningunha novidade por parte da editorial Salvat- Bruño, con respecto a tradución ao galego do novo álbum das aventuras de Ásterix e Obélix, dende nós os moz@s a través da Normalización Lingüística consideramos que é preciso protestar contra ese suceso a través dunha recollida de sinaturas. Polo tanto, o noso obxectivo é conseguir que esta editorial publique as obras coas novas aventuras de Ásterix na nosa lingua antes do Nadal!! e tamén que se publiquen todos os anteriores álbumes que non estean traducidos ao galego. Para isto necesitamos a colaboración de tod@s vós, e así facerlle ver a Salvat-Bruño que o galego tamén ten moit@s seguidores!!!
Recordamos que o 14 de outubro publicouse en 27 estado e 25 linguas o novo álbum das aventuras de Ásterix e Obélix. Salvat-Bruño decidiu editar ditas aventuras en castelán e catalán,pero...e o galego??? Na nosa lingua NON foron publicadas! A pesares das reclamacións recibidas, non podemos atopar ningún movemento, que nos demostre que teñen interese en publicar as aventuras en GALEGO.

ISTO NON PODE QUEDAR ASÍ!!!COLABORA!!

 

"Os libros de texto non só teñen que ser gratuítos,tamén deben estar en galego"

Segundo Carlos Callón,presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, os libros de texto infrixen a lei en moitos centros galegos.
Aproximadamente no 90% dos centros impártense clases en castelán debendo ser en galego, seguindo o idioma no que están os libros de texto.Porén, a situación agrávase cando o idioma dos libros e o que se utiliza nas clases é diferente.O comportamento do ensino non está sendo coherente.Ante a indiferenza da Administración, A Mesa Pola Normalización Lingüística pide á Consellaría que se substituían os libros que non cumpran a lei.Se non se cambian estarán catro anos sen incidir na galeguización do ensino.Foi tamén esta entidade a que puxo en marcha un proceso penal contra a Inspección de Ensino que non obriga a cumprir a lei nas escolas.
Como é posíbel que a Administración e a Inspección de Ensino estean actuando ilegalmente?Ademais,quen pode xulgar esta ilegalidade?Quizais ese sexa o problema!

11/21/2005

 

Lugrís,artista das Letras Galegas 2006!!! atrévete a coñecelo!!

Este ano, o Plenario da Real Academia Galega, nunha das súas reunións decidiron adicar o Día das Letras Galegas 2006 a Manuel Lugrís Freire( Sada, 1863-A Coruña, 1940).
A biografía e obra de Lugrís mostran unha vida de total entrega á dignificación e a defensa da lingua galega, sempre unida á defensa de Galicia. En Cuba fundou o primeiro xornal en galego; foi un dos fundadores da Academia Galega e o seu Presidente entre o 28 de abril do 1934 e o 20 de agosto do 1935; foi o primeiro que usou o galego nun mitin sen ningún pudor; en 1916 participou na contitución da Irmandade da Fala da Coruña; en 1922 publicou Gramática do idioma galego, escrita en galego; en 1923 ingresou no Seminario de Estudos Galegos cun discurso que falaba de Pondal (sabedes quen é non?) e en 1932 participou na redacción do anteproxecto do Estatuto de Autonomía representando ao Partido Galeguista( claro, non ían ir todos....)
Respecto A produción literaria, tratou case todos os temas, pero destaca a súa obra teatral, coa que anaugurou o teatro galego en prosa. En 1894 publicou o primeiro libro de versos, Soidades; 1901, Noitrebas, que tamén era un libro de versos. En 1903 publicou A ponte, unha peza teatral que estrou no Teatro principal da Coruña ese mesmo ano;En 1904 o drama Minia, que se estreou no teatro Jofre de Ferrol, entre outras...
Ademáis da súa extensa produción literaria tamén foi colaborador na prensa da época, os seus artigos foron publicados nas seguintes revistas: Revista gallega, A Nosa Terra, A Gaita Gallega, El Eco de Galicia etc...

11/11/2005

 

Estamos de MAGOSTOOOOO!!!!!



Xa os castiñeiros que pasaron todo o ano na soidade do monte, teñen compaña. Imos implorando e pedindo perdón por telos esquecido, subimos a esas ladeiras buscando o seu froito. Xa chegou o décimo mes, pois estes teñen o seu parto, rebasado outubro, e dos seus úteros saen esas alegres trillizas que caen brincando polo chan conformando unha choiva simpática, que son as pequerrechas castañas que quedan sementando ese chan. Logo, lentamente, para cubrir a súa espides, vai o castiñeiro deixando caer o seu veste, esas follas que serán como unha suave man aveludada, por iso, antes de tapalos temos que ir polas castañas.
Quedamos coas castañas na casa, agora imos facer o magosto, festa tradicional e por Trazo témolos dende San Martiño, durante eses once días é frecuente asistir a este tipo de festas gastronómicas. Hai o magosto familiar, a reunión dos membros da casa xunto esa lareira para degustar froitos secos, as castañas. Elas torrándose e estoupando na cociña mentres nós falamos e falamos sen parar. Os xerros do viño esperan na mesa, e cando o encargado da preparación considere que están, sácaas e colócaas no centro e todos ao carón delas empezamos a coller tisnando os dedos e queimando os beizos, pois as castañas, coma as mentiras, están quentes. Viño, parolas, historias e contos-verdades.
Fóra está petando, como can rabioso, o fero vento, e xa caen folerpas de neve.
Vai frío e por iso hai que quentar a barriga e ter a luz acesa, esta fogata para espantar os lobos que queren entrar.
Tamén temos en todas as aldeas, o magosto público. Nunha paza ou zona axeitada para xuntarse farase a fogueira e no cacho irán asando máis e máis castañas mentres outros abren o viño, e xerro a xerro, a xente de Trazo imos pasando as horas. Cando o estómago está quente e a cabeza está alegre, empeza a soar esa música da orquestra, ou dalgún da parroquia que se anima. Non manchamos as nosas caras, pero os nosos dedos parecen tizóns, e as nosas fazulas parecen brasas acesas polo viño.
É unha festa comunitaria, de tribo familiar e veciñal, unha busca de calor social, un encontro onde a natureza, representada castañas e no viño está en contacto directo co home e no medo, o lume vivificador que parece que alonga o día, espantar os fantasmas da Santa Compaña, esquecer que estamos no mes de novembro, un mes de tristura, un mes de mortos onde os vivos fan estas comidas tan naturais, e rodean de amigos esa casa, esa aldea, para recordarlle á morte maldita que estamos vivos, que somos chamas de vida pero, pasados unhas horas, acabouse o magosto, e todo é cinza, pero volverá outro ano, e coma sempre, dicimos: De hoxe a un ano! E volverá un novo magosto, unha chamarada deste outono que sempre estará acesa aínda que nós esteamos xa apagados.
Non chas quero, non chas quero,
castañas do teu magosto;
non chas quero, non chas quero,
que me cheiran a chamosco.
Acabáronse as vendimas
e veñen as esfolladas,
para comer coas mozas
catro castañas asadas.

This page is powered by Blogger. Isn't yours?